Durante varios días da pasada semana, o noso centro tivo o pracer de recibir a visita Erasmus+ dun grupo procedente de Atuarfik Hans Skole, en Nuuk (Groenlandia 🇬🇱). A mobilidade contou coa participación de 21 alumnos, 2 profesores e 2 pais, que compartiron connosco unha experiencia educativa e cultural moi enriquecedora.

A xornada de benvida incluíu unha presentación do centro por parte da directora, Beatriz Temes, así como a recepción da xefa de estudos e coordinadora Erasmus, Beatriz Nieto, quen explicou o programa de actividades preparado para a estancia.
Ao longo da semana, o alumnado participou en numerosos obradoiros e sesións interactivas, desenvolvidas principalmente en inglés, que permitiron traballar aspectos relacionados coa cultura galega, a bioloxía, a ecoloxía e os recursos naturais 🌱🌊🔬
Entre as actividades máis destacadas estiveron:
- Obradoiros cooperativos sobre mobilidades Erasmus e intercambio cultural 🌍
- Talleres de novas tecnoloxías 💻
- Sesións de defensa persoal 🥋
- Talleres lúdicos de bioloxía 🧬
- Visita á aula de Polos Creativos 🎨
- Visita á biblioteca 📚
- Presentación realizada polo alumnado groenlandés sobre o seu centro, cultura e estilo de vida ❄️🏔️
- Entrega de diplomas 🏅

Ademais, durante a estancia realizáronse diferentes visitas institucionais. O grupo foi recibido no Concello de Ourense pola concelleira de Educación, Tamara Silva, e tamén na Deputación de Ourense, onde puideron coñecer máis de preto as institucións locais 🏛️

Esta mobilidade Erasmus+ permitiu crear vínculos entre alumnado e profesorado de ambos centros, fomentar a práctica da lingua inglesa e descubrir novas perspectivas culturais e educativas nun ambiente de convivencia e aprendizaxe compartida 🤝✨
Sen dúbida, unha experiencia inesquecible para toda a comunidade educativa.
