O alumnado de 4º de Educación Primaria, acompañado polo seu titor Alberto e a teacher Mary, gozou dunha excursión ao Parque Botánico que resultou ser todo un éxito. Foi un día cheo de descubrimentos, aprendizaxe ao aire libre e momentos que quedarán na memoria dos nenos e nenas.

Durante a visita, o alumnado participou en diversas actividades pensadas para achegalos ao fascinante mundo da natureza. Realizaron un percorrido guiado polos distintos xardíns do parque, onde puideron descubrir plantas e árbores procedentes de diferentes partes do mundo. Ademais, observaron insectos e pequenos animais do contorno, aprendendo curiosidades sobre o seu papel no ecosistema e a importancia de coidar o medio ambiente.
Un dos momentos máis especiais da xornada foi o obradoiro práctico no que cada neno e nena plantou a súa propia semente. Desta maneira, puideron comprender de forma vivencial o proceso de crecemento das plantas e a importancia da responsabilidade no seu coidado.
Ao longo de toda a actividade amosáronse moi interesados, participativos e respectuosos, desfrutando de cada aprendizaxe e descubrimento.
Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que complementa o traballo realizado na aula e que recordarán con moita ilusión.
