No noso colexio, a aprendizaxe vai moito máis aló da aula, e así o demostrou o alumnado de 3º e 4º da ESO co seu último proxecto interdisciplinar e plurilingüe. Durante varias sesións, os estudantes mergulláronse na historia da muller desde a prehistoria ata a actualidade, grazas ao libro de francés da nosa biblioteca Histoire de France au féminin.

O proxecto comezou cunha preparación guiada polo departamento de orientación, que propuxo un cuestionario para coñecer os coñecementos previos do alumnado sobre as mulleres ao longo da historia e despertar a súa curiosidade sobre as figuras máis relevantes. Tamén realizaron unha busca sobre mulleres célebres que deixaron pegada en distintos ámbitos, establecendo así a base para o traballo posterior.

Nas clases de francés, os alumnos traballaron co libro para elaborar unha exposición sobre mulleres importantes na historia de Francia. O resultado non tardou en verse: o hall do colexio converteuse nun espazo de aprendizaxe e reflexión, onde se exhibiron as creacións e convidouse a toda a comunidade educativa a descubrilas.

A actividade culminou cun enriquecedor debate conxunto entre os departamentos de historia, bioloxía e francés. Durante a sesión, o alumnado discutiu sobre o papel da muller ao longo da historia, os sesgos existentes e os cambios significativos, intercambiando opinións e aplicando o aprendido nas actividades previas. Este debate non só fomentou o pensamento crítico, senón tamén a capacidade de expresión en distintos idiomas e a colaboración entre disciplinas.

Con este proxecto, os nosos estudantes non só aprenderon feitos históricos e científicos, senón que desenvolveron unha mirada crítica e consciente sobre a importancia da igualdade e da representación da muller ao longo do tempo. Sen dúbida, unha experiencia que quedará gravada no seu aprendizaxe e no seu día a día no colexio.
