O pasado 3 de maio, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, no noso centro desenvolvemos diferentes actividades orientadas a achegar o alumnado ao mundo da comunicación e a reflexionar sobre a importancia dunha información libre, veraz e responsable.
Descubrindo o xornal na biblioteca
Na biblioteca escolar realizamos unha actividade centrada no coñecemento da prensa escrita. O alumnado puido descubrir as distintas partes dun periódico, analizando portadas, titulares, novas, reportaxes e seccións. Esta experiencia permitiulles comprender mellor como se organiza e constrúe a información que recibimos diariamente a través dos medios de comunicación.

Creamos o noso propio programa de radio
Dentro do espazo de Polos Creativos, o alumnado participou na creación e gravación dun programa de radio escolar. Prepararon contidos, traballaron a lectura e a expresión oral e experimentaron o labor comunicativo desde dentro, converténdose por un día en auténticos xornalistas.

A través destas actividades fomentamos o pensamento crítico, a capacidade de comunicación e a reflexión sobre o valor da liberdade de expresión e o papel esencial dos medios de comunicación nunha sociedade democrática.
