Co gallo do Día Internacional contra o Acoso Escolar, conmemorado o pasado 2 de maio, o noso centro reafirma a súa postura de tolerancia cero fronte ao acoso escolar e o seu compromiso coa prevención, a sensibilización e a convivencia positiva.

Entre as distintas accións desenvolvidas ao longo do curso, este ano volvemos participar no programa Katorce18, orientado a informar e concienciar o alumnado sobre a Lei do Menor, a responsabilidade individual e as consecuencias das propias condutas. Nesta ocasión, o alumnado de 1º de ESO participou nunha charla sobre prevención do acoso escolar, mentres que o alumnado de 2º de ESO asistiu a unha sesión sobre condutas infractoras. Ambas actividades favoreceron a reflexión arredor do respecto, a empatía e a responsabilidade compartida, lembrándonos que o acoso escolar non é un conflito menor, senón unha forma de violencia que interpela a toda a comunidade educativa.
