Martes, 06 de Junio de 2017 07:53

ENTREGA DE PREMIOS EUROSCOLA

Onte pola mañá tivo lugar a ceremonia de premios do concurso Euroscola no que, como recordaredes, os alumnos de 4º ESO, coordinados por Beatriz Nieto, resultaron gañadores a nivel autonómico polo seu traballo, "Fóra Medos", un vídeo que en tan só 1 minuto é capaz de recordarnos a importancia de garantir os dereitos recollidos na Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.


euro1


Contamos coa presenza de Cecilia Vázquez,directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e de Marisol Díaz, xefa territorial da consellería de cultura, educación e ordenación universitaria. Ambas felicitaron ao equipo gañador e destacaron a orixinalidade do traballo. “As aspiracións e os valores que defenden e que nos trasladan en apenas un minuto de traballo audiovisual poden e deben ser compartidos por todos os que defendemos unha Europa más inclusiva, máis integradora e máis solidaria, e que eses desexos de valentía e liberdade sexan transmitidos por unha xeración que xa os ten asumidos no seu ADN consegue que miremos o futuro europeo con máis esperanza”, sostivo a directora xeral, que animou a non “baixar a garda para non dar pasos atrás”.


euro2


euro3


 

Esta edición de Euroescola estivo dedicada ao 60 aniversario da sinatura dos Tratados de Roma (1957-2017) co obxectivo de reflexionar cos mozos e mozas sobre o proceso de transformación da Unión Europea en espazo de liberdade, xustiza e seguridade ao longo destas seis décadas, espazo recollido na Carta dos Dereitos Humanos da UE. A directora xeral puxo en valor o premio acadado, xa que os galardoados se converterán por un día en eurodiputados na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia), con mozos e mozas seleccionados dos outros estados membros da UE. “Nesta experiencia coñecedores o traballo dos eurodiputados a través de debates sobre temas de actualidade e que serán do voso interese xa que se centrarán na mocidade, e estaredes en negociacións co resto de participantes e nas votacións ou adopcións de acordos, o que os acercará aínda máis a complexidade da gobernanza europea”, indicou a titular autonómica aos escolares gañadores. Os alumnos e alumnas tamén terán a posibilidade de interactuar e intercambiar información nun idioma distinto ao seu, así como dar a coñecer o noso centro educativo e o lugar de procedencia como intercambio de coñecementos que reflicte a diversidade dos pobos de Europa e enriquece o diálogo cultural.


euro0


Na iniciativa da Euroescola desta edición participaron 304 equipos educativos de toda España, dos que foron premiados 19 (un por cada Comunidade e cidades autónomas). Ademais da experiencia no Parlamento Europeo, o equipo galego recibirá da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado unha mochila con material didáctico para cada un dos membros do equipo, que complementará o material que recibirán da Representación da Comisión Europea en España, a Secretaría de Estado para a UE, o Servizo Español para a internacionalización da Educación, o Instituto da Xuventude de España e a Embaixada de Italia en España.

Moitos parabéns! Agardamos que a viaxe a Estrasburgo o vindeiro mes de outubro sexa unha experiencia inesquecible, que vos axude a coñecer de cerca o labor do Europarlamento, a reflexionar sobre os retos actuais da Unión Europea e do mundo en xeral e a crecer como persoas, valorando sempre o diálogo e o intercambio cultural como fontes de progreso.

 

 

Ultima modificacion el Martes, 06 de Junio de 2017 08:11

Video relacionado